—PERÍODO DE SOLICITUDE REMATADO—
O Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes ofrece unha alternativa de conciliación en vacacións para todos os nenos e nenas da cidade de Santiago.
No enlace incluído nesta sección poderás atopar o formulario para realizar a solicitude de praza nas actividades do Espazo de Lecer María Miramontes para o período non lectivo de Semana Santa.
POBOACIÓN DESTINATARIA DO PROGRAMA DE CONCILIACIÓN DE SEMANA SANTA
Nenos e nenas empadroados ou que estean matriculados nun centro de ensino no municipio de Santiago de Compostela. O centro dispón dun total de 73 prazas autorizadas pola secretaría técnica de Política Social da Xunta de Galicia.
Tramo de idades | Unidades | Capacidade máxima |
3 anos* | 1 | 20 |
4 – 6 anos | 1 | 30 |
7 – 12 anos | 1 | 23 |
DATAS DE REALIZACIÓN:
Quenda única. Abril de 2023: os días 3, 4, 5 e 10.
As persoas usuarias poderán desfrutar dunha quenda.
Período de solicitude de praza: do 6 ao 15 de febreiro de 2023.
O centro publicará a listaxe de admitidos e admitidas por quenda o día 27 de febreiro de 2023.
HORARIO DE FUNCIONAMENTO EN PERÍODO NON LECTIVO (Semana Santa)
De luns a venres de 7.45 h a 15.00 h
HORA | SERVIZO |
7:45 – 9:00 | ACTIVIDADE LIBRE E CUSTODIA |
9:00 – 10:00 | ACTIVIDADE LIBRE |
10:00 – 13:30 | ACTIVIDADES DIRIXIDAS |
13:30 – 15:00 | ACTIVIDADE LIBRE E CUSTODIA |
CRITERIOS DE ACCESO
Durante todo o ano, este equipamento está pensado para responder ás necesidades de conciliación das familias. É por iso que o acceso aos seus servizos debe priorizar a aquelas que traballen ou que estean en tránsito do traballo á casa, no horario de apertura do centro. Polo tanto é imprescindible que as familias acrediten fiel e responsablemente as circunstancias laborais na/s quenda/s solicitadas.
No caso de que houbera máis solicitantes que prazas nas diferentes quendas é preciso establecer a seguinte orde de preferencia na asignación entre aquelas persoas que están dadas de alta e presentaron a solicitude de participación no programa no período lectivo:
- Persoas vítimas de violencia de xénero, co informe dos Servizos Socias, que traballen ou estean en tránsito do traballo á casa no horario de funcionamento do programa.
- Familias monoparentais que traballen ou estean en tránsito do traballo a casa no horario de funcionamento do programa.
- Familias con ao menos un membro con incapacidade laboral (temporal ou permanente) ou discapacidade e outro que traballe ou estea en tránsito do traballo a casa no horario de funcionamento do programa.
- Familias separadas ou divorciadas nas que a persoa titora que teña a custodia no momento da solicitude traballe ou estea en tránsito do traballo a casa no horario de funcionamento do programa.
- Familias coas dúas persoas adultas que traballen ou estean en tránsito do traballo a casa no horario de funcionamento do programa.
En caso de ter que aplicar prioridade dentro deste grupo:
- Familias con nenos e nenas en acollida.
- Familias con nenos e nenas en adopción.
- Familias numerosas.
- Familias con ao menos un membro en desemprego e outro que traballe ou estea en tránsito do traballo a casa no horario de funcionamento do programa.
- No caso de empate realizarase un sorteo público que consistirá na introdución de tantas bolas nun bombo como solicitantes desa quenda. Elaborarase unha listaxe numerada por quenda atribuíndo a cada solicitante un número nese listado. Sacarase unha bola ao azar quedando automaticamente inscrito o número extraído e os sucesivos da listaxe ata completar o número total de prazas. O resto pasará a formar parte dunha listaxe de agarda. O sorteo, de producirse, será anunciado na páxina web do Concello.
As situacións familiares descritas nos puntos 1, 2, 3, 4 deberán acreditar a súa situación mediante a documentación administrativa correspondente (certificado de monoparentalidade, informe de Servizos Sociais, informe médico, sentenza, etc.)
Segundo as circunstancias particulares de cada familia é importante que:
- Aquelas persoas que traballen a turnos, teñan flexibilidade horaria ou sexan persoal docente terán que aportar un certificado de emprego actualizado no que indiquen o horario no que traballarán durante as quendas desexadas. Non se aceptarán os certificados ou declaracións xerais que non acrediten as circunstancias específicas da familia nas quendas solicitadas.
- As solicitudes que non aporten a documentación requirida quedarán excluídas.
- É responsabilidade única das persoas interesadas a entrega dos certificados e declaracións de horario laboral actualizados.
- A falta non xustificada a calquera programa no período non lectivo será un criterio excluínte na seguinte solicitude.
- Aquelas familias que non precisen conciliar pero que desexen participar poderán facelo se hai prazas baleiras.
PROCEDEMENTO DE INSCRICIÓN PARA O PERÍODO DE SEMANA SANTA
Inscrición do 6 ao 15 de febreiro de 2023.
A.- Nenos/as que non están dados de alta:
- Todas as persoas que desexen participar nas actividades da Ludoteca (tanto nos períodos lectivos como non lectivos) deben estar dadas de alta como requisito imprescindible (modelo ED009 educación) dispoñible na sede electrónica do Concello. Deberán cubrir o modelo de solicitude mencionado no que facilitarán a información e documentación correspondente, autorizan a estadía do menor na instalación e aceptan as condicións de funcionamento interno.
O formulario poderá descargarse da páxina web do rexistro municipal www.santiagodecompostela.gal (“trámites) e da específica da ludoteca María Miramontes www.espazolecermariamiramontes.santiagodecompostela.gal.
As solicitudes presentaranse segundo modelo normalizado ben por medios electrónicos ou de xeito presencial, no Rexistro xeral do Concello de Santiago (Rúa Presidente Salvador Allende 4, Galeras) ou mediante calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.
A documentación a achegar polos interesados/as no momento da alta é a seguinte:
Documentación mínima xeral:
- Documento que acredite a identidade do pai, nai ou representante legal.
- Fotocopia do libro de familia. A situación de familia monoparental acreditarase con copia da sentenza de separación, divorcio, nulidade ou medidas paterno filiais.
- Copia da tarxeta sanitaria do menor.
- Xustificación de ocupación laboral, actualizada e detallada (indicando horarios laborais nas quendas solicitadas), dos titores legais.
- No caso de persoas desempregadas, certificación de ser demandante de emprego.
Documentación complementaria dependendo da situación familiar:
- Informe dos Servizos Sociais nos supostos en que sexa necesario por falta de acreditación documental suficiente ou pola situación especial na que viva a unidade familiar.
- Certificado do centro educativo no que está matriculado/a o/a/ neno/a no caso de non estar empadroado no Concello de Santiago de Compostela.
- Acreditación da representación, se procede.
- Copia da resolución administrativa de acollemento.
- Unha vez realizado o trámite, facilitaráselle un número de alta que xa lle permitirá solicitar diferentes servizos a través da web do centro.
- Solicitarán a inscrición no programa para a actividade ou actividades ofertadas cubrindo o formulario correspondente da páxina web da Ludoteca.
A alta do servizo non garantiza o uso inmediato do mesmo dadas as limitacións espaciais e a normativa correspondente. Para poder facer uso do servizo, as persoas dadas de alta (usuarios/as do servizo) que teñan a confirmación correspondente e que desexen facer uso do mesmo deberán solicitar a súa praza, cunha antelación mínima de 2 días hábiles na web da ludoteca co fin de poder xestionar con antelación a dispoñibilidade de prazas.
B. Nenos/as que xa están dados de alta no Espazo Miramontes
Aquelas familias de nenos/as que xa están dados de alta no Espazo Miramontes só deben cubrir o formulario.
Unha vez realizado este trámite, recibirán comunicación mediante correo electrónico informando sobre o estado da súa solicitude.
Se as circunstancias laborais e familiares mudaron dende a data de alta no Espazo Miramontes deberán acreditalo coa documentación actualizada correspondente mediante a súa presentación no Rexistro do concello.

RÉXIME DE PREZOS: de balde.