O Club Miramontes é unha iniciativa que busca fomentar a participación e a colaboración dos nenos e nenas da ludoteca a través de diferentes retos e desafíos. Cada participante contará cunha tarxeta persoal na que poderá ir completando as distintas propostas para conseguir, como recompensa final, un pequeno agasallo.
Entre os retos propostos atópanse aportar material ao hórreo do refugallo, levar un conto para ler na casa, adoptar novos xogos e xoguetes para a ludoteca, conseguir os cromos de todos os monitores e monitoras ou coñecer os nomes dos compañeiros e compañeiras do grupo. Cada desafío busca promover hábitos positivos, fortalecer as relacións entre iguais e fomentar a implicación activa na vida da ludoteca.
Unha vez completados todos os retos da tarxeta, cada participante recibirá o seu agasallo como recoñecemento ao seu esforzo e compromiso. Deste xeito, o Club Miramontes convértese nunha proposta lúdica e motivadora que anima os nenos e nenas a participar, descubrir novas experiencias e sentirse parte activa da comunidade da ludoteca.


