O Espazo

Espazo no que se promove a aprendizaxe a través do xogo

O Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes (Ludoteca das Fontiñas) está situada na rúa das Fontes do Sar 3, en Santiago de Compostela. Conta cunha superficie total construída de 1.080,50m2 e unha superficie útil de 730,63 m2, dividida en dous andares.

Este equipamento municipal está concibido para acoller espazos de xogo libre, espontáneo e creativo e tamén dirixido, co obxecto de proporcionar aos nenos e nenas con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos espazos acondicionados para o xogo, posibilidades de relacionarse, acceso a xogos e xoguetes e outros materiais lúdicos, animación á lectura, promoción do libro e todas aquelas propostas que favorezan, ademais, a conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Tamén está dispoñible como recurso educativo especializado para a utilización, en horario lectivo, polos centros de ensino do municipio de Santiago de Compostela.

Ten unha finalidade lúdica, socioeducativa, cívica, cultural e inclusiva, cun proxecto cuxo obxectivo principal é garantir o dereito dos nenos e nenas ao xogo e colaborar, así, no desenvolvemento integral da persoa. Para isto conta cun fondo organizado de xogos, xoguetes, libros e outros elementos lúdicos adecuados á súa idade, inclúe espazos psicomotrices, áreas de xogo simbólicas e tamén xogos multimedia.

OBXECTIVOS

  • Ofrecer un espazo axeitado para o xogo, favorecedor do desenvolvemento psicomotor, cognitivo, crítico, creativo e afectivo do/a neno/a.
  • Favorecer unha relación distinta co obxecto lúdico, a través da manipulación, recreando o seu uso, a través dun proceso globalizador de invención, construción, reparación e transformación.
  • Fomentar todo tipo de iniciativas e actividades arredor da promoción do libro e da animación á lectura.
  • Colaborar moi especialmente na promoción da lingua galega, do xogo popular e tradicional, na animación á lectura e na recuperación de xogos e xoguetes que teñan que ver co noso acervo cultural propio.
  • Facilitar a conciliación familiar.

POBOACIÓN DESTINATARIA

1.- Nenos e nenas empadroados ou que estean matriculados nun centro de ensino no municipio de Santiago de Compostela.

  • Bebeteca: de 2 a 3 anos, cos dous anos cumpridos no momento da inscrición.
  • Pequeteca: de 4 a 6 anos
  • Maiorteca: de 7 a 12 anos (ata o día previo a cumprir 13)

2.- Centros de ensino de educación infantil e primaria.

3.- Outras entidades do territorio (Centros de Formación Profesional, Universidades…)

CAPACIDADE

As instalacións teñen unha capacidade máxima de 73 prazas en presenza simultánea.

GruposCapacidade máxima
2*-3** anos20
3-6 anos30
6-12 anos23
*nenos e nenas de 2 anos acompañados dun dos seus titores legais.
*nos períodos non lectivos o servizo ofertaráse a partir de 3 anos.