O Espazo

Espazo no que se promove a aprendizaxe a través do xogo

O Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes (Ludoteca das Fontiñas) está situada na rúa das Fontes do Sar, núm. 3, en Santiago de Compostela. Conta cunha superficie total construída de 1.080,50m2 e unha superficie útil de 730,63 m2, dividida en dous andares.

Este equipamento municipal está concibido para acoller espazos de xogo libre, espontáneo e creativo e tamén dirixido, co obxecto de proporcionar aos nenos e nenas con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos espazos acondicionados para o xogo, posibilidades de relacionarse, acceso a xogos e xoguetes e outros materiais lúdicos, animación á lectura, promoción do libro e todas aquelas propostas que favorezan, ademais, a conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Tamén está dispoñible como recurso educativo especializado para a utilización, en horario lectivo, polos centros de ensino do municipio de Santiago de Compostela.

Ten unha finalidade lúdica, socioeducativa, cívica, cultural e inclusiva, cun proxecto cuxo obxectivo principal é garantir o dereito dos nenos e nenas ao xogo e colaborar, así, no desenvolvemento integral da persoa. Para isto conta cun fondo organizado de xogos, xoguetes, libros e outros elementos lúdicos adecuados á súa idade, inclúe espazos psicomotrices, áreas de xogo simbólicas e tamén xogos multimedia.

A xestión do equipamento está externalizada a través dun contrato de servizos. Un equipo de profesionais guía as persoas usuarias na selección de xogos sensoriais, de manipulación, de movemento, de construción, de regras ou xogos multimedia simbólicos axeitados á idade. Fomenta tamén a participación dos nenos e nenas no campo sociocultural e en actividades da súa contorna.

OBXECTIVOS

  • Ofrecer un espazo axeitado para o xogo, favorecedor do desenvolvemento psicomotor, cognitivo, crítico, creativo e afectivo do/a neno/a.
  • Traballar na creación dunha nova concepción do xoguete, ampliando a exclusividade do xoguete comercializado.
  • Favorecer unha relación distinta co obxecto lúdico, a través da manipulación, recreando o seu uso, a través dun proceso globalizador de invención, construción, reparación e transformación.
  • Fomentar todo tipo de iniciativas e actividades arredor da promoción do libro e da animación á lectura.
  • Colaborar moi especialmente na promoción da lingua galega, do xogo popular e tradicional, na animación á lectura e na recuperación de xogos e xoguetes que teñan que ver co noso acervo cultural propio.
  • Facilitar a conciliación familiar.

POBOACIÓN DESTINATARIA

1.- Nenos e nenas empadroados ou que estean matriculados nun centro de ensino no municipio de Santiago de Compostela.

Bebeteca: de 2 a 3 anos, nados en 2019 (cos 2 anos cumpridos o 1 de outubro) ata o 31 de decembro de 2018, acompañados dos seus titores legais.

Pequeteca: de 4 a 6 anos, nados entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro de 2015.

Maiorteca: de 7 a 12 anos, nados entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de decembro de 2009.

2.- Centros de ensino de educación infantil e primaria.

3.- Outras entidades do territorio.

CAPACIDADE (adaptación COVID)

As instalacións teñen unha capacidade máxima de 73 prazas en presenza simultánea, pero en situación COVID son 50 prazas.

Número de Unidades3
Tramo de idadesCapacidade máxima
Núm. unidades 2-3 anos120 (situación COVID 10)
Núm. unidades 3-6 anos130 (situación COVID 20)
Núm. unidades 6-12 anos123 (situación COVID 20)